Arde Porto
Xente, xente, xente
O rabaño, cun itinerario marcado por un asfalto de por veces invisible, cantaba consignas de forma un tanto repetitiva e mecánica. E eses brazos articulados oxidábanse baixo un sol confundido. Confundido porque chegou a conclusión (despois dunha primeira lectura simplista e liñal) de que a concentración era no fondo inútil. E era el, por máis que queiran desmentilo os que estaban a pé de rúa, o único que podía observar a distribución homoxénea de tal cantidade de estudantes alcolizados polas avenidas do Porto.
E quentaba máis que nunca para ver se podía dispersar á multitude e intentar observar de novo o debuxo das calexas da cidade un día calquera. E eu, mentras, esperando o momento exacto para non mesturarme e perderme. Porque estou seguro de que se entraba (con paso firme ou dubitativo) acabaría engulido pola dinámica circular da cervexa e do fume dos pitos. Para sempre, por moitos libros que lera despois baixo un sol que aínda, e a pesares de pasar un tempo prudencial, seguiría confundido.
Xente, xente, xente.
A "parálise" da cidade
Cando chegamos ao Porto éramos conscientes de que estábamos nunha das meirandes cidades de Portugal. As rúas ateigadas de xente, as obras do metro, os coches, a xente "enlatada" nos buses, etc., etc.. Ao baixarnos na estación de tren sentín que estaba nunha cidade ruidosa, sentín os meus oídos atoados. ¡E só pola miña teima de crer que todo é coma a miña aldeíña!. Mais o que non sospeitaba nese momento é que o "espírito" das Fitas ía traer a paz para os meus tímpanos. Os coches mudaron en camións musicais. As rúas ateigáronse aínda máis, pero de estudantes con gañas de festa. O ruído molesto mudou en ruído musical, festeiro, en ruído universitario. O Porto deixou a rutina de cidade para converterse nunha explosión de alegría, cores e gañas de pasalo ben. E non sei o porqué, pero ese "ruído" non molestaba os meus oídos, tal e como me pasa cando estou na miña aldea, na Cabana.
O lenzo da festa
Verde, vermello, azul, amarelo, negro, malva, … Todo eran colores ao noso redor. O verde que nós vemos nos montes eran desta vez grilos, arremuiñados ante a súa carroza, rendendo pleitesía ao licenciado marcado polo luto (luto da pena de rematar a festa). O azul do ceo mesturábase neste día co azul dos rios inxentes de persoas só diferenciados por carrozas e carrozas. O malva das flores movíanse desta vez con ritmos acompasados aloumiñados e arremuiñados arredor do seu corazón laranxa. O negro, sempre fúnebre, rebosaba festividade e cansanzo, alegría e vivacidade, froito dunha semana de festa contínua. Os colores que nos dan vida, desta vez reflectían a mocidade no seu esplendor. Isto é un fin de festa universitario, isto é a "Queima das fitas".
Bafos
Porto aparecía ante os nosos ollos (outra vez) máxica e envolvente. Non esperábamos que centos de estudantes berrando ían romper a monotonía que comezaba a aparecer, facendo máis abafante (se cabe) a tarde. De súpeto, miramos cara a baixo e observamos á rúa. A rebentar. Non se podía pasar. Non se podía respirar. As cores, duns e doutros, ledas, luminosas... xiraban e xiraban nun remuíño do que non se podía escapar... eu non entendía nada. Ao mellor foi porque non berraban NUNCA MÁIS, ou A RÍA É NOSA ou... Non sei, non o entendín. Cando os conseguimos pasar foi un alivio. E a tarde volveu ser perfecta. Porto chamaba por nós e tamén parecía esperar e querer que a Queima pasase...
















