.

28 novembro 2005

Cando sexa maior...


Cando somos uns meniños soñamos con viaxar lonxe, fuxir da nosa casa e coñecer sitios novos, sen medo a perder as cousas que queremos, a nosa boneca escarranchada, aquel camión ao que xa lle faltan un par de rodas, así como esa manta cun cervo que temos dende que éramos pequeniños. Só xente boa cos brazos abertos nos recibe no noso vagar por un mundo alleo ás preocupacións, alleo á búsqueda dunha codia de pan e das "comodidades", ¿que importaba todo iso? Nós queríamos correr a fartar e vivir as nosas ilusións. Máis lógo, a medida que imos crecendo, facémonos in-conscientes aínda que nós deamos en denominalo sen o prefixo. ¿Por que? Esquecemos todo aquilo que facía que nos erguesemos ledos pola mañá, chimpando da cama na procura dun novo día de emocións. E in-conscientes do que realmente nos importaba, engaiolamos a nosa liberdade en pos dun aburguesamento do noso espírito que xa non é branco coma onte, senón que está cuberto dunha fumareda grisacea que nos impide vernos a nós mesmos con claridade. Xa non somos quen de viaxar, agora que podemos, xa hai demasiadas cousas que nos atan. Dicíamos de nenos: cando sexa maior… Pero agora xa o eres, e perdes a consciencia de ti mesmo, esqueces todo aquilo polo que sempre xuraches loitar e convérteste parte dunha masa infeliz que camiña sempre cara ao mesmo norte. Nun principio, as nosas ansias viaxeiras pedíannos falar nesta reportaxe da emigración, mais, como despedida antes do verán, gustaríanos mostrar, sen ánimo representativo, as opinións dalgúns estudantes da nosa universidade sobre os seus soños ao rematar a carreira.
Sorprendentemente, os máis deles afirmaron que tentarán quedar en Galicia traballando, a ser posible na súa vila ou cidade, preto da súa familia e amigos, a súa "xente". Respondendo á pregunta de cal é o obxectivo que procuran acadar nas súas vidas, os entrevistados antepoñen a familia á súa vocación, sinalando que esta última cuestión é menos importante.
Este medo a coñecer maís aló da súa familia, os seus amigos e a súa terra, é o que leva a estes mozos e mozas a preferir un traballo peor pagado e de peor calidade no noso país, a ter que viaxar na procura do tan desexado teito profesional.
É certo que a estadía da mocidade na nosa terra axúdanos a crecer e progresar como país e sociedade. Pero, lonxe das traxedias persoais que viviron moitos dos nosos antepasados, na historia persoal de cada un temos que ser capaces de darlle vida a aquel debuxo que facíamos cando éramos nenos. Un debuxo que plasmaba todo aquilo que víamos ao cruzar ese horizonte que nos impedía viaxar fisicamente, pero que nunca foi quen de coartar aos nosos soños. Busquemos o noso destino, e disipemos dunha vez por todas esa humida néboa que nos aletarga.