.

28 novembro 2005

Cibervoluntari@s

¿Nunca quixeches ser voluntario e non puideches por falta de tempo? ¿Non podías desprazarte ao lugar que querías? ¿Ou é que non tes un horario libre fixo para facelo? Pois a rede ofrécenos unha alternativa, o cibervoluntario. Son persoas coma ti e coma min, que se adican a axudar a outras persoas dende un ordenador. As vantaxes son moitas: poder facelo onde queiras e cando queiras, a axuda é inmediata e o máis importante, elimina as barreiras xeográficas. Así podemos axudar a persoas ás que antes non chegábamos.
Este tipo de voluntarios céntrase sobre todo na tecnoloxía. Aínda que hai moitas formas de axudar: impartir clases por Internet, asesorar en materia legal ou laboral, ou simplemente falar e aconsellar a quen o precise. Pero, o máis habitual é que se relacione coa informática. Isto é así porque se pretende acabar coa chamada ‘fenda dixital’. Hoxe en día o acceso á rede é unha necesidade que non todos teñen cuberta, e non debería ser un privilexio, senón un dereito.
Moitas organizacións ou empresas xa se decataron deste problema e son conscientes de que a falta de acceso á tecnoloxía pode converterse nun motivo de exclusión na sociedade actual. A vosa misión coma cibervoluntari@ consiste en alfabetizar e ensinar a estes principiantes o uso da Internet e das novas tecnoloxías. Unha opción é a ‘Fundación bip-bip’ (www.fundacionbip-bip.org) e a súa cidade virtual que nos ofrece diferentes grupos de traballo nos que participar.
Outra das posibilidades que nos proporciona a rede é a de facer traballos conxuntos a nivel internacional sen necesidade de viaxar. Un exemplo é unión de ‘Somos más’ (www.somosmas.org) de Colombia, ‘Fundación Chandra’ (www.fundacionchandra.org) en España e ‘Portal do voluntário’ (www.portaldovoluntario.org.br) de Brasil que teñen un proxecto común.
É importante destacar que o voluntariado online non pretende substituir ao voluntario presenzal, que resulta imprescindible en moitas ocasións. O contacto humano é básico e máis neste tipo de cuestións. O obxectivo é complementalo e suplir os baleiros que puidese ter.
Agora xa sabes que tes outra forma de axudar na que só precisas do teu ordenador. Se queres ser voluntario, próbao.