.

28 novembro 2005

Monti Castiñeiras: "A cultura sen reivindicación está coxa"


En Santiago a arte agroma ata no verdello que vai deixando a chuvia na pedra. Comezou a observar o mundo dende un quiosco. Os seus pais vendían xornais. Alí lle ofreceron o seu primeiro papel como actor. Nin el mesmo sospeitaba que ese ía ser o seu oficio. Comezou a estudar Filoloxía Inglesa pero "ese ano só saquei unha materia". Foi entón cando se integrou naquel grupo de teatro porque lles faltaba un actor.
A televisión deulle a fama, fixo da súa unha cara familiar. Quizais tamén lle permitíu sobrevivir no tumultuoso e inestable mundo da interpretación, "ti xa presupós que traballar en televisión che dá unha supervivencia económica; se estivera moi ben pagada puidera ser, pero en Galicia temos un contexto diferente ao resto de España, porque aquí as cousas non están igual de pagadas que fóra". Mirándoo ben puidérase pensar que quizais o seu aspecto foi a chave que lle abriu as portas no mundo da interpretación. "En principio hai papeis para todos, pero para as caras bonitas creo que hai máis. Eu cheguei a estar un pouco farto dos papeis que me ofrecían, non pola cara bonita, pero tes unha imaxe, unha pinta. Se tes cara de médico, como din eles, danche máis papeis de médico". Sería longo facer un repaso ao seu currículo. Unha pregunta, que persoaxe, que traballo lle produciu máis satisfaccións, "un é Alexandre de 'O lápis do carpinteiro', porque era moi distinto a todo o que fixera. Pero tamén estou moi orgulloso de 'Borracheira de Paixón', porque foi unha cousa creada por nós dende o principio e, ademais, había tempo que non facía un papel así, algo tan divertido". 'Borracheira de paixón', unha obra nacida no seu maxín, xunto con outro actor co que coincidira nunha rodaxe. Ao oílo falar da preparación e produción desta obra, decátase un do difícil que é conseguir facerse un nome, unha cara coñecida, levar adiante un proxecto neste mundo da interpretación. Sobrevivir. "A vida dun actor non remata nunca, sempre estás aprendendo". Fai un repaso polo cinema, a televisión, o teatro, a dobraxe. De 'Mareas Vivas' a 'Planta 4ª', meterse en papeis que fan del unha cara cotiá en moitos fogares. Agora mesmo, en 'Libro de familia'. Sorrí cando nomeo a palabra fama, "o outro día paroume un obreiro na rúa, deses que levan o Stop. Eu ía no coche, coas gafas de sol, e agora que teño o pelo moito máis longo que na serie, e dime ‘¡que pasa boticario, como vai a botica!’ Deume a risa. Pero non, eu non teño fama". Non obstante é consciente da importancia dos actores en tanto que personaxes públicos, sobre todo en determinados momentos políticos. Actores como portadores dunha nota discordante. "Non é que a arte sexa reivindicativa, é que debe selo. A cultura, en todas as súas facetas, ten un papel importante. Non controlar o exercicio do poder, pero quizais si servir de plataforma e voz de moita xente". ¿E a prensa? "A miña pelexa cos xornalistas é sempre a mesma. Hai pouco sacáronme un titular que poñía 'gústame a roupa cara'. Iso é unha auténtica tontería porque eu nunca o dixen, ¿como poden poñer iso?" Cando saio o sol está xa alto. Un sorriso. Un ata logo, moitas grazas. A súa faciana fica grabada nas pedras do Vilar. E na miña retina, a imaxe dun rapaz que un día, hai xa moito tempo, pensou en ser actor.

1 Comments:

  • hola monti, teño 18 anos e chamome verónica, encantabame o teu papel en libro d familia e sinto moito que te foses da serie porque eras o meu actor favorito. Dende que marchaches a serie xa non é o mesmo. Gustariame saber se vas volver a actuar en libro de familia ou se tes algun traballo xa entre as mans; pois realmente teño xa moitas ganas de verte de novo nas pantallas da televisión ou do cine. Se les esta mensaxe gustariame que me contextases, pois encantanme case todolos teus traballos ademais de seres moi atractivo :-). a miña direccion la_viera@hotmail.com

    Por Anonymous Anónimo, ás 3:26 da manhã  

Enviar um comentário

<< Home